borrallaNós somos borralla pero non cinzas! Nas cinzas non hai nada, quedan restos e pouco máis, pero na borralla queda moita vida. Xa non quenta e polo tanto os aproveitados de turno fóronse, pero no fondo da borralla queda un rescoldo que é capaz de facer lume outra vez e facer fogeira e tamén un bo caldo.

Somos un resto (de Israel) pero non o reboutallo. Con esa borralla, con moita fe no que se quere facer, con outra pouca de fe que vén de “Arriba”, e con outra pouca que aniña no corazón pódense facer marabillas; e todas as marabillas do mundo empezaron así. Detrás dun éxito hai moitos fracasos, pero sobre todo moita fe no que se fai. Esa mesma fe tróuxome a min ata aquí, do contrario hai que estar un pouco tolos para vivir nestes lares.

Esa misma fe vos move a vós na tarefa de achegarvos a esta xente e a achegar esta xente ao voso mundo, e esa mesma fe medra cada día, porque poucas cousas son máis bonitas que ver que un estudiante chega a fin de curso coa vosa axuda, que un enfermo de SIDA se recupera coa vosa axuda, que a xente ten auga a 5 kms da casa coa vosa axuda, que un leproso pode comer gracias a vós... ¿qué hai máis bonito ca iso na vida? En axudar nunca  hai crise, solo ledicia, que sexamos moitos ou poucos, que axudemos a moitos ou poucos xa non depende de nós, o noso é axudar,  e iso o estades a facer moi ben. Polo tanto a seguir adiante e coa cabeza ben alta.

Como diría Quevedo : somos borralla pero borralla enamorada, feita axuda e amor para os nosos irmáns e irmás que non teñen os medios que nós temos. BENDITA SEXA ESA BORRALLA, chámese Lusekelo ou chámese  doutra maneira.

Jose Manuel Bernardez Gándara